Friday 26 de April de 2024

A programación do Día Internacional da Muller esténdese na Pobra a todo o mes de marzo


No 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller e o Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha unha serie de actividades dirixidas a tódolos públicos, facendo especial fincapé nos eidos educativo e social, coas cales reivindica-la finalidade desta data: acada-la igualdade. Trátase dunha serie de propostas que buscan contribuír a unha sociedade máis igualitaria, ó tempo que se “celebran tódolos avances que conseguímo-las mulleres”, nas palabras da concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); e, por iso, o lema “Avanzando cara á igualdade!”.

Deseguido, a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, debullou o contido da programación. No propio día 8 terá lugar unha batucada feminista con inicio ás 20.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán, para percorre-las rúas do núcleo urbano e concluír fronte á casa consistorial coa lectura dun manifesto. O itinerario contará co acompañamento de Axé Bahía Batucada. En caso de chuvia trasladarase para o día 11.

O momento de reivindica-lo papel das mulleres directivas de empresas vencelladas co mar chega no día 10 coa mesa coloquio Mulleres liderando o mar, na cal participarán a directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, e a directora das relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo. Desenvolverase a partir das 19.30 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contará coa xornalista Aida Pena como moderadora.

Nesa mesma xornada, dende as 11.30 ata as 14.00 horas, estudantado do IES pobrense emprenderá unha andaina ó abeiro do proxecto Mulleres fronte á emerxencia climática. Explicaráselle a finalidade desta iniciativa que analiza a relación entre o xénero e o cambio climático, en busca de alternativas para construír sociedades máis xustas e igualitarias.
Xa no día 12 estará aberta ó público xeral, co punto de encontro no CEP Salustiano Rey Eiras, ás 12.00 horas.

Para os centros educativos da infantil lánzase o Contacontos pola igualdade, que transcorrerá ós venres deste mes. Procederase coa lectura do relato O meniño Nito: Entón, os homes choran ou non? e un obradoiro que pretende que as crianzas reflexionen sobre os estereotipos de xénero a través de contidos adaptados ó seu rango de idade.

E, incidindo no ámbito educativo, alumnado da primaria mergullarase na actividade Avanzando cara á igualdade, concibida para todo o mes de marzo co obxectivo de que reflexione e tome conciencia sobre o papel das mulleres na sociedade.

Haberá novamente unha compoñente literaria coa segunda edición de Igualdade, conta comigo!, que repartirá 600 euros en premios. Trátase dun concurso de microrrelatos dirixido á poboación adolescente e adulta para fomentar uns valores baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e eliminar comportamentos e actitudes que manteñen os estereotipos de xénero. O prazo de presentación remata no 30 de marzo. Preténdese así impulsar un exercicio de reflexión, sensibilización e difusión. As bases están ó dispor en www.apobra.gal.